Romanización
Contacto e integración romana
Ánfora Haltern 70
Romanización (mediados s. I a.C. – inicios s. II d.C.) Importación romanaTres fragmentos (dous deles pegan entre si) pertencentes a unha ánfora bética do tipo Haltern 70, producida no val do Guadalquivir para o transporte de viño, defrutum (mosto cocido) e aceitunas. As pastas son areosas, de cores ocres claras no exterior con nervio central máis escuro. Estes contedores son os máis típicos nos castros galaicos e sitúan a ocupación da Croa de Posmarcos dentro do ciclo comercial bético-romano, que substitúe o anterior ciclo mediterráneo púnico. A súa cronoloxía de fabricación abrangue desde mediados do século I a.C. ata inicios do II d.C., cun apoxeo na época de Augusto. Documentadas na UE203.
Vaso tipo V2 de Lucus Augusti
Romanización tardía (ss. II–IV d.C.) Cerámica común romanaAsa dun vaso de consumo individual monoasado tipo V2, produción característica do esplendor da cerámica común romana lucense (producida nos alfares de Lucus Augusti, a actual Lugo). A súa cronoloxía sitúase entre mediados do século II d.C. e finais do IV d.C., aínda que algúns estudos propoñen o inicio da súa produción no século III d.C. Esta peza é o indicador máis claro da continuidade da ocupación do castro durante toda a época romana, cunha presenza que chega polo menos ata o Baixo Imperio. Documentada na UE201.
Cerámica engobada lucense
Romanización (ss. I–IV d.C.) Cerámica común romanaGalbo cerámico engobado só no interior, correspondente á produción maioritaria de engobes vermellos dos centros oleiros de Lugo (Lucus Augusti), datada entre os séculos I e IV d.C. O feito de estar engobada só polo interior permite descartar que pertenza ás producións lucenses máis temperás (imitacións de terra sigillata da primeira metade do s. I d.C.), situando a peza nun horizonte máis tardío. Documentada na UE201.
Idade do Ferro II e III
400 a.C. — séc. I a.C.
Xerra tipo Toralla
Ferro II / Ferro III (s. III–I a.C.) Cerámica castrexaUnha das pezas máis significativas do xacemento. Conserva a asa e o arrinque do bordo, con decoración incisa dunha liña vertical. A xerra tipo Toralla é un recipiente característico das áreas oleiras das Rías Baixas, cuxa produción se inicia no século III/II a.C. e acada o seu apoxeo entre os séculos II e I a.C. A súa presenza na Croa de Posmarcos vincula directamente o xacemento coa tradición cerámica costeira do suroeste galaico. Formada por dous fragmentos que pegan entre si, documentados na UE203 (Sondaxe 200).
Ola tipo Vigo
Ferro III (finais s. II a.C. – cambio de era) Cerámica castrexaBordo dunha ola de variante clásica tipo Vigo, con bordo triangular engrosado, decoración de liñas incisas verticais no exterior e deseño impreso de espiña de peixe no labio. Xunto coa xerra Toralla, este recipiente é un dos indicadores máis claros da integración da Croa de Posmarcos na rexión oleira das Rías Baixas. A súa produción iníciase a finais do século II a.C. e prolóngase ata o cambio de era. Documentada na UE203 (Sondaxe 200).
Ola de perfil en 5
Ferro III (s. II a.C.) Cerámica castrexaBordo dunha ola de perfil en 5, tipo caracterizado polo bordo esvasado facetado e colo longo de paredes cilíndricas lixeiramente diverxentes con transición á panza arestada. Este tipo de recipientes concentra a súa aparición en niveis datados no século II a.C., con paralelos en xacementos como o castro de Alto do Castro (Cuntis), o castro de Elviña (A Coruña) e contextos urbanos como Príncipe 17 (A Coruña). Dous fragmentos que pegan entre si, documentados na UE203.
Tinaxa con aba soerguida
Ferro III / Romanización (s. II a.C. – mediados s. I d.C.) Cerámica castrexaBordo dunha tinaxa con aba soerguida, correspondente á forma 1c de Martins (1987). Este tipo de tinaxas é propio da zona costeira das Rías Baixas, a diferenza das de dobre rebordo maioritarias na área ártabra, e aparece maioritariamente entre o século II a.C. e mediados do I d.C. Paralelos en castros costeiros como o de Montealegre (Moaña). A súa presenza reforza o carácter costeiro e atlántico do conxunto cerámico da Croa.
Bordo de ola arestado meridional
Ferro II / Ferro III Cerámica castrexaBordo dunha ola de tipo arestado meridional, unha das tipoloxías máis características da cerámica castrexa. Documentado na UE201 (Sondaxe 200), asociado aos depósitos de derrubo da muralla. Estes recipientes son de longa perduración cronolóxica dentro do ámbito do Ferro II e III.
Cerámica púnica
Ferro III (s. II a.C.) Importación prerromanaFragmento dun galbo cerámico con pastas depuradas de cor amarelenta no exterior e tons salmón na fractura interna, con desengraxante fino sen cuarzo nin mica, características típicas das importacións púnicas. Este tipo de cerámica, abundante nos castros costeiros das Rías Baixas e en núcleos da costa ártabra como o castro de Elviña, documenta un ciclo de comercio mediterráneo que se inicia no século II a.C. e remata coa chegada do comercio bético-romano. É un dos indicadores máis claros da conexión da Croa de Posmarcos coas redes comerciais atlántico-mediterráneas prerromanas. Documentada na UE203.
Pallabarro
Idade do Ferro Material construtivoFragmentos de pallabarro ou arxila cocida con claras improntas do entramado vexetal ao que estiveron adheridos, testemuño directo das técnicas construtivas tradicionais dos castros. Na Croa de Posmarcos documentáronse dous tipos de pastas: o tipo 1, presente na sondaxe 300, e o tipo 2, mellor cocido e con pastas compactas, concentrado na UE505 da sondaxe 500, onde probablemente foi empregado na construción dunha estrutura de combustión. A presenza masiva de pallabarro confirma a existencia de construcións domésticas aínda non escavadas.
Disco de xisto
Idade do Ferro Material líticoDisco elaborado en xisto, documentado na UE305 (Sondaxe 300), no único depósito do xacemento onde apareceron elementos líticos. A súa funcionalidade é incerta: este tipo de discos pode corresponder a tapadeiras de recipientes, elementos de xogo, contrapesos ou fichas. A súa presenza, xunto cun fragmento pulimentado termoalterado, complementa o escaso pero significativo conxunto de material lítico da campaña.
Substrato natural — Fin da escavación