Os mouros, os cacharros e a Guerra Civil
A Croa de Posmarcos é un espazo rico en lendas dentro da parroquia. A xente maior ten a memoria de que alí viviron os mouros, pero tamén outras xentes. Ás veces atopaban na croa anacos de cacharros e, como lle dixo hai moitos anos unha nai a unha nena que aínda hoxe o lembra, tras aparecerlles un pote moi decorado: «Miña filla, esta xente era máis ca nós».
Pero na parroquia a xente tenlle un agarimo especial ao castro por un feito histórico máis recente: a croa serviu de refuxio aos fuxidos da parroquia durante a Guerra Civil. Desde o castro, as persoas que tiveron que agacharse nos primeiros momentos da guerra por temor á dura represión que se viviu na Pobra do Caramiñal por parte dos golpistas dominaban o territorio e podían fuxir no caso de haber problemas. Ao tempo, o castro ficaba a unha distancia cómoda das aldeas, abonda para poder seguir en contacto cos seres queridos.